Actividade pola igualdade na Escola Infantil de Vilanova-Recesende con motivo do 25N
Hoxe, 27 de novembro, celebrouse na Escola Infantil de Vilanova, en Recesende, unha actividade destinada a traballar cos nenos e nenas os estereotipos de xénero nos oficios e profesións, promovendo desde as primeiras idades valores fundamentais como a igualdade e o respecto.
A sesión deu comezo coa lectura do conto _»La joya interior»_, unha obra que pon o foco na importancia de desenvolver unha autoestima sólida e un autoconcepto positivo, valores esenciais para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Posteriormente, realizouse unha dramatización na que os máis pequenos representaron diferentes profesións –como cociñeiro, bombeira, policía ou bailarín– para destacar que non existen oficios exclusivos para homes ou mulleres: todos e todas poden perseguir os seus soños sen limitacións de xénero.
A actividade foi coordinada por Alba Midón Cebeiro, unha das integrantes máis novas da nosa xunta directiva, acompañada pola presidenta, Zora Leis Barcia, e outros membros da asociación, que colaboraron no desenvolvemento desta enriquecedora xornada.
Protección da privacidade: As imaxes do evento foron pixeladas por motivos de privacidade, pero as familias interesadas en obter unha copia sen editar poden poñerse en contacto con nós para solicitalas.
Desde Teenses pola Igualdade, agradecemos á comunidade educativa e ás familias a súa implicación nesta iniciativa. Continuamos traballando para construír, desde as primeiras etapas da vida, un futuro onde a igualdade sexa unha realidade para todas e todos.
#Igualdade #Infancia #RompendoEstereotipos #TeensesPolaIgualdade #EducaciónEnValores